Guia docente 2014_15
Facultade de Belas Artes
Grao en Belas Artes
 Materias
  Psicoloxía: Psicoloxía da arte
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Sesión maxistral É unha exposición dos contidos básicos de cada tema. Foméntase a participación do alumnado mediante a presentación de cuestións e exercicios para resolver durante as exposicións. A exposición de contidos está apoiada por presentacións PowerPoint que se subirán á Plataforma virtual Tema.
Prácticas de laboratorio As prácticas de laboratorio preséntanse para que os alumnos/as teñan un contacto directo coa experimentación de onde xorden os contidos desenvolvidos nas sesións maxistrais. Nestas prácticas hai que sinalar dous tipos de implicación por parte dos alumnos/as: colaboración en prácticas e asistencia a prácticas. A colaboración nas prácticas implica que o/a alumno/a se converte en experimentador/a e que se responsabiliza de realizar o experimento na clase. A asistencia ás prácticas implica que o/a alumno/a se converte en suxeito experimental e participa nun grupo de control ou experimental. Propóñense un total de 13 experimentos clásicos relacionados cos contidos do temario (percepción, memoria e creatividade). Cada experimento está deseñado para ser levado a cabo por un grupo máximo de dous alumnos que se encargarán de realizalo na clase práctica (baixo a supervisión da profesora). O resto dos alumnos participan no experimento como suxeitos experimentais formando parte dun grupo de control ou experimental. Para a colaboración en experimentos crearanse grupos de, como máximo, dous alumnos/as, e tantos grupos como experimentos se propoñen para cada un dos cinco grupos de prácticas. A elección da colaboración en prácticas realizarase na Plataforma Virtual, onde se atopará un resumo de cada experimento, así como o deseño e o material necesarios para levalos a cabo. Non se poderá colaborar en máis dun experimento.
Traballos tutelados TRABALLOS TUTELADOS. 1. TRABALLOS DE ARTISTAS: elixirase un artista cuxa obra, proceso creativo ou experiencia estea relacionado coa temática proposta na materia. Trátase de reflexionar sobre a obra do/a artista a través do proceso psicolóxico. O traballo consta dunha pequena introdución na que se fala do proceso psicolóxico, unha contextualización na que se inclúe o momento histórico e a propia vida do/a artista, para finalizar coa análise da obra e a súa proxección na temática que se analiza. ÍNDICE: introdución, contexto, análise do traballo do/a artista, bibliografía. A extensión mínima do traballo mecanografado é de 15 folios a dobre espazo co tipo de letra Arial 12. Debe incluír bibliografía e estar paxinado. O traballo será individual. 2. XOGO PARA ENSINAR ARTE: crear un xogo (de cartas, un xogo tradicional como parchís, oca, etc.) para ensinar arte. O obxectivo é reflexionar sobre as etapas evolutivas na infancia-adolescencia e telas en conta para deseñar o xogo dirixido a achegar o neno/a ao mundo da arte. Pódense incluír os elementos que se consideren adecuados, mais deberanse xustificar: o uso da cor, determinadas formas, elementos de motivación (como eles mesmos ou persoas vinculadas dentro da obra…), etc. É necesario xerar as normas do xogo (pódense ter en conta normas que xa existen). Á parte do xogo e das normas, entregarase un informe no que se xustifiquen as distintas características do xogo en función da etapa evolutiva a quen vai dirixido. ÍNDICE: etapa evolutiva, características do xogo, xustificación e bibliografía. O mínimo son 10 folios a dobre espazo e o tipo de letra, Arial 12. 3. IMAXES GUIADAS: elixir unha obra dun/ha artista e quitar do cadro unha personaxe (un punto, unha liña, unha personaxe…) que nos servirá de guía para coñecer o/a artista e a súa obra.Todo ten que estar documentado e argumentado. Coñecer a etapa evolutiva para ver que é o que lles pode interesar máis aos nenos desa idade (motivación) e ter en conta o desenvolvemento cognitivo para adecuar o contido á idade. O traballo deberá conter un informe cos seguintes pasos: ÍNDICE: introdución (información sobre a etapa evolutiva a quen vai dirixido e por que), presentar o/a guía, facer unha viaxe para coñecer ao/a artista, coñecer a súa cidade e o seu momento histórico. Ex.: imos visitar ao artista á súa casa, imos ver o seu obradoiro e móstranos os seus traballos (un ou dos, os máis representativos). O informe terá unha extensión mínima de 15 folios a dobre espazo co tipo de letra Arial 12. Todos os traballos deben incluír unha portada co título do traballo, o nome e apelidos do/a autor/a, ano académico e materia. Ademais, deben incluír bibliografía e estar paxinados. A presentación de traballos farase en PowerPoint, previa revisión da profesora. O tempo máximo de exposición son 20 minutos. Na Plataforma Virtual da Universidade (FAITIC), no epígrafe PRÁCTICAS, atoparase a información sobre as distintas alternativas, coa posibilidade de introducir a elección correspondente. A data de entrega de todos os traballos é o último día de clase, o 20 de xaneiro de 2010.
Traballos de aula Realización de actividades en grupo relacionadas cos contidos da materia.
Outros Lecturas relacionadas coa materia. Esta actividade individual implicará un resumo e un comentario crítico. A extensión mínima do traballo mecanografado será de 10 folios a dobre espazo, co tipo de letra Arial 12. Tamén poderá ser presentado en clase cun tempo de exposición máximo de 15 minutos. A entrega dos resumos terá como data tope o último día de clase, o 20 de xaneiro de 2010.
Prácticas autónomas a través de TIC Unha parte importante neste apartado é a proposta por parte dos alumnos de preguntas tipo test relacionadas cos distintos temas da materia. As preguntas terán 4 alternativas de resposta, das que só unha será correcta. Débese incluír feedback nas alternativas de resposta. As preguntas formuladas que teñan o visto e prace da profesora poden formar parte da proba tipo test para avaliar os contidos das clases maxistrais. Proporanse outras actividades para traballar os distintos contidos da materia: cuestionarios, exercicios de autoavaliación, estudos de caso, análises de obras, participación en foros e utilización do WIKI. Estes exercicios desenvolveranse na Plataforma Virtual TEMA, con datas de entrega e con feedback por parte da profesora.
Presentacións/exposicións As presentacións e exposicións, tanto de traballos tutelados como de lecturas, realizarase mediante PowerPoint, previa revisión da profesora. O tempo de exposición máximo oscilará entre 15 e 20 minutos (incluíndo o tempo de resposta a posibles preguntas por parte dos compañeiros).
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000