Guia docente 2009_10
E.U. de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Electroterapia e Ultrasonoterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Traballos tutelados Os traballos terán as seguintes condicións (escoller entre unha destas opcións, tendo en conta que haberá un número máximo de posibles alumnos en cada modalidade) e terá carácter voluntario: a) Elaboración de forma individual dun protocolo de aplicación dos ultrasóns ou das distintas correntes vistas na materia en determinados casos clínicos e a proposta do profesor. Varias persoas traballarán sobre o mesmo caso clínico de forma individual. Cada alumno elaborará o protocolo de aplicación de forma esquemática, máximo de 2 caras de folio (condicións de presentación do texto escrito: letra Arial, tamaño 10, interliñado a 1,5). O devandito esquema terá que conter, polo menos, os seguintes apartados: patoloxía a tratar (ou caso clínico); modalidade terapéutica coa que se trate a devandita patoloxía (corrente ou ultrasón elixida polo alumno); obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos, no caso de corrente, ou área de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; outros métodos de tratamento que se poderían empregar no citado caso e o porqué (dentro dos vistos nas outras materias da área de Fisioterapia pertencentes aos dous primeiros cursos do grao); e outras consideracións ao caso. Esta modalidade de traballo implicará unha exposición en pequeno grupo, conformado por todos aqueles que traballaron sobre o mesmo protocolo clínico. Cada alumno deberá entregar ao inicio do seminario un esquema deste de non máis de dous folios por unha cara ao resto dos presentes no seminario. A primeira media hora dedicarase a analizar individualmente os esquemas do resto dos compañeiros, anotando os puntos en desacordo con cada un. Esta valoración entregaráselle ao profesor. A segunda media hora farase o mesmo traballo, pero por parellas, sinalando entre os dous aqueles puntos débiles a destacar nos traballos. Ningunha parella valorará os seus traballos. O resto do tempo do seminario empregarase para sintetizar entre todos, alumnos e profesor, os puntos fortes dos protocolos, así como os débiles e/ou erros vistos anteriormente de forma individual e por parellas, e onde cada un poderá dar as explicacións oportunas sobre as súas seleccións ao desenvolver o protocolo presentado. Para finalizar, cada un sinalará os tres protocolos que lle pareceron máis apropiados. b) Elaboración dun traballo sobre un determinado apartado dos apuntamentos consistente en: corrección-ampliación dos propios apuntamentos da materia, elaboración de 5 preguntas para o exame teórico (preguntas de relacionar para a modalidade de resposta curta ou, en caso de ser elixida a modalidade tipo test, preguntas para o mesmo) e unha busca bibliográfica (en bases de datos) de artigos de revistas científicas que traten sobre os contidos sobre os que versan os apuntamentos. c) Elaboración en grupo, de 2 ou 3 persoas, dun traballo de ampliación sobre unha das modalidades de correntes ou ultrasóns que compoñen o temario da materia, a elaboración de 10 preguntas para o exame teórico segundo se indicase no apartado a) e a realización dun vídeo didáctico que demostre a aplicación desa modalidade terapéutica nun suposto clínico. A finais do mes de marzo estableceranse os prazos de entrega e/ou exposición da modalidade de traballo elixida previamente por cada alumno. A partir desta data ninguén máis poderá anotarse á realización dun traballo.
Titoría en grupo As titorías en grupo están conformadas por dúas horas dedicadas a, a xeito de repaso, expoñer e esclarecer a todos as principais dúbidas presentadas por cada alumno nas titorías xenéricas, tanto da parte teórica coma práctica, así como a facilitar a preparación da materia ante os exames. Unha destas horas farase a mediados do semestre e, a segunda hora, ao final deste. Na primeira hora de titoría en grupo, a de mediados do semestre, dedicarase, ademais, a explicar as condicións de elaboración dos seminarios e traballos.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada de casos prácticos. O profesor propoñerá casos clínicos específicos, para situar as aplicacións, casos que se tratarán coas distintas correntes que se vaian vendo na teoría, ou con ultrasóns terapéuticos, e mediante o seguimento dun protocolo de aplicación específico. Serán, polo tanto, prácticas guiadas e buscarase a integración dos coñecementos teóricos na práctica mediante o uso de casos clínicos. Todos os casos se presentarán nunhas fichas de prácticas. O modelo para estas fichas poderase encontrar na plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou na páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: patoloxía; tipo de corrente ou ultrasón empregados; obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos eléctrodos ou lugar de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; consideracións e contraindicacións máis relevantes no caso. As fichas iranse cubrindo con cada práctica de forma voluntaria por parte dos alumnos. En caso de que o alumno queira que o profesor lle revise as fichas que vai cubrindo debe presentarllas ao profesor o próximo día de prácticas que se teña para que este lle aclare erros e dúbidas. O conxunto das devanditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumno a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os casos que compoñerán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia dedicarase a transmitir os obxectivos desta, detallar os contidos sobre os que se traballará e como se fará, e aclarar os criterios de avaliación a seguir.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudo de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente ordenador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e os xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregará nas clases, así como outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información mediante, por exemplo, exames previos, modelos de protocolos ou traballos de anos anteriores, apuntamentos do profesor... A teoría impartirase na aula correspondente ao 2º curso da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000