Guia docente 2012_13
Facultade de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Electroterapia e ultrasonoterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia dedicarase a transmitir os obxectivos na mesma, detallar os contidos sobre os que se traballarán e cómo se fará, e aclarar os criterios de avaliación a seguir.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudio de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente computador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e as xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregarán nas clases, así coma outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información mediante, por exemplo, exames previos, modelos de protocolos ou traballos de anos anteriores, apuntamentos do profesor,... A teoría impartirase na aula correspondente ao 2º curso da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada de casos prácticos. O profesor proporá casos clínicos específicos para situar as aplicacións, empregando as distintas correntes que se vaian vendo na teoría ou os ultrasóns terapéuticos e seguindo un protocolo de aplicación específico. Serán, polo tanto, prácticas guiadas e buscarase a integración dos coñecementos teóricos na práctica mediante o uso de casos clínicos. Tódolos casos presentaranse de xeito que se poidan cubrir unhas fichas de prácticas. O modelo para estas fichas poderanse atopar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou na páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: patoloxía; tipo de corrente ou ultrasón empregada; obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos ou lugar de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; consideracións e contraindicacións máis relevantes no caso. As fichas iranse cubrindo con cada práctica de forma voluntaria por parte dos alumnos. O conxunto de ditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumno a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os casos que comporán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Traballos tutelados O traballo a elaborar polo alumnado da materia será un protocolo de aplicación dos ultrasóns ou das distintas correntes vistas na materia en determinados casos clínicos e a proposta do profesor. Este traballo terá as seguintes condicións:
Elaboración de xeito individual. Varias persoas traballarán sobre o mesmo caso clínico dun xeito individual. Cada alumno elaborará o protocolo de aplicación dun xeito esquemático, máximo de 2 caras de folio (condicións de presentación do texto escrito: letra Arial, tamaño 10, interliñado a 1,5). Dito esquema terá que conter, polo menos, os seguintes apartados: patoloxía a tratar (ou caso clínico); modalidade terapéutica ca que se trate dita patoloxía (corrente ou ultrasón elixida polo alumno); obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos, no caso de corrente, ou área de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; outros métodos de tratamento que se poderían empregar no citado caso e o porqué (dentro dos vistos nas outras materias do área de Fisioterapia pertencentes aos dous primeiros cursos do grao); e outras consideracións ao caso.
Por outra parte, implicará unha exposición en pequeno grupo, conformado por todos aqueles que traballaron sobre o mesmo caso clínico. Cada alumno deberá entregar ao inicio do seminario un esquema do mesmo de non máis de dous folios por unha cara ao resto dos presentes no seminario. A primeira media hora dedicarase a analizar individualmente os esquemas do resto dos compañeiros, anotando os puntos en desacordo con cada un. Esta valoración entregaraa ao profesor. A segunda media hora farase o mesmo traballo, pero por parellas, sinalando entre os dous aqueles puntos febles a destacar nos traballos. Ningunha parella valorará os seus traballos. O resto do tempo do seminario empregarase para sintetizar entre todos, alumnos e profesor, os puntos fortes dos protocolos, así como os febles e/ou erros vistos anteriormente de xeito individual e por parellas, e onde cada quen poderá dar as explicacións oportunas sobre as súas seleccións ao desenvolver o protocolo presentado. Para rematar, cada un sinalará os tres protocolos que lle pareceron os máis axeitados.
Ademais, aqueles alumnos que queiran, e a elaborar en pequeno grupo, de 2 ou 3 persoas, poderán facer un traballo de ampliación sobre unha das modalidades de correntes ou ultrasóns que compoñen o temario da materia, así como a realización dun vídeo didáctico que demostre a aplicación desa modalidade terapéutica nun suposto clínico, e unha procura bibliográfica sobre o tema escollido e en referencia aos últimos cinco anos. Neste caso, non haberá que facer unha presentación pública do traballo.
Na primeira quincena do mes de marzo estableceranse os prazos de entrega e exposición do traballo. Ademais, a partir desta data ninguén máis poderá anotarse á realización do traballo de ampliación.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000