Sesión maxistral |
Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudio de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente computador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e as xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregarán nas clases, así coma outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información mediante, por exemplo, exames previos, modelos de protocolos ou traballos de anos anteriores, apuntamentos do profesor,... A teoría impartirase na aula correspondente ao 2º curso da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra. |
Traballos tutelados |
O traballo a elaborar polo alumnado da materia será un protocolo de aplicación dos ultrasóns ou das distintas correntes vistas na materia en determinados casos clínicos e a proposta do profesor. Este traballo terá as seguintes condicións:
Elaboración de xeito individual. Varias persoas traballarán sobre o mesmo caso clínico dun xeito individual. Cada alumno elaborará o protocolo de aplicación dun xeito esquemático, máximo de 2 caras de folio (condicións de presentación do texto escrito: letra Arial, tamaño 10, interliñado a 1,5). Dito esquema terá que conter, polo menos, os seguintes apartados: patoloxía a tratar (ou caso clínico); modalidade terapéutica ca que se trate dita patoloxía (corrente ou ultrasón elixida polo alumno); obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos, no caso de corrente, ou área de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; outros métodos de tratamento que se poderían empregar no citado caso e o porqué (dentro dos vistos nas outras materias do área de Fisioterapia pertencentes aos dous primeiros cursos do grao); e outras consideracións ao caso.
Por outra parte, implicará unha defensa en pequeno grupo, conformado por todos aqueles que traballaron sobre o mesmo caso clínico. Uns días antes desa defensa en grupo, cada alumno deberá entregar o seu protocolo ao profesor responsable do grupo para que poida ser subido á plataforma de teledocencia e poder ser analizado polos demais compoñentes do grupo, ademais do profesor responsable. Cada un entregará un comentario sobre a análise feita de cada uno dos traballos ao profesor o día da defensa en grupo.
Esta defensa en grupo constará de dúas partes. A primeira delas adicarase a analizar por parellas os protocolos do resto dos compañeiros, anotando os puntos febles a destacar nos traballos. Ningunha parella valorará os seus traballos. O resto do tempo do seminario empregarase para sintetizar entre todos, alumnos e profesor, os puntos fortes dos protocolos, así como os febles e/ou erros vistos na análise por parellas, e onde cada quen poderá dar as explicacións oportunas sobre as súas seleccións ao desenvolver o protocolo presentado. Para rematar, cada un sinalará os tres protocolos que lle pareceron os máis axeitados.
Ademais, aqueles alumnos que queiran, e a elaborar en pequeno grupo, de 2 ou 5 persoas, poderán facer un traballo de ampliación sobre unha das modalidades de correntes ou ultrasóns que compoñen o temario da materia, así como a realización dun vídeo didáctico que demostre a aplicación desa modalidade terapéutica nun suposto clínico, a elaboración de 10 preguntas tipo test de resposta única e unha procura bibliográfica sobre o tema escollido e en referencia aos últimos oito anos. Neste caso, non haberá que facer unha presentación pública do traballo.
Na primeira quincena do mes de marzo estableceranse os prazos de entrega e exposición do traballo. Ademais, a partir desta data ninguén máis poderá anotarse á realización do traballo de ampliación.
|