Guia docente 2015_16
Facultade de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Electroterapia e ultrasonoterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia adicarase a transmitir os obxectivos na mesma, detallar os contidos sobre os que se traballarán e cómo se fará, e aclarar os criterios de avaliación a seguir.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudio de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente computador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e as xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregarán nas clases, así coma outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información mediante, por exemplo, exames previos, modelos de protocolos ou traballos de anos anteriores, apuntamentos do profesor,... A teoría impartirase na aula correspondente ao 2º curso da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada de casos prácticos. O profesor proporá casos clínicos específicos para situar as aplicacións, empregando as distintas correntes que se vaian vendo na teoría ou os ultrasóns terapéuticos e seguindo un protocolo de aplicación específico. Serán, polo tanto, prácticas guiadas e buscarase a integración dos coñecementos teóricos na práctica mediante o uso de casos clínicos. Tódolos casos presentaranse de xeito que se poidan cubrir unhas fichas de prácticas. O modelo para estas fichas poderanse atopar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou na páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: patoloxía; tipo de corrente ou ultrasón empregada; obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos ou lugar de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; consideracións e contraindicacións máis relevantes no caso. As fichas iranse cubrindo con cada práctica de forma voluntaria por parte dos alumnos. O conxunto de ditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumno a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os casos que comporán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Traballos tutelados O traballo a elaborar polo alumnado da materia será un protocolo de aplicación dos ultrasóns ou das distintas correntes vistas na materia en determinados casos clínicos e a proposta do profesor. Este traballo terá as seguintes condicións:
Elaboración de xeito individual. Varias persoas traballarán sobre o mesmo caso clínico dun xeito individual. Cada alumno elaborará o protocolo de aplicación dun xeito esquemático, máximo de 2 caras de folio (condicións de presentación do texto escrito: letra Arial, tamaño 10, interliñado a 1,5). Dito esquema terá que conter, polo menos, os seguintes apartados: patoloxía a tratar (ou caso clínico); modalidade terapéutica ca que se trate dita patoloxía (corrente ou ultrasón elixida polo alumno); obxectivos do tratamento; colocación do paciente; localización e fixación dos electrodos, no caso de corrente, ou área de aplicación do cabezal do ultrasón; dose; tempo de tratamento; outros métodos de tratamento que se poderían empregar no citado caso e o porqué (dentro dos vistos nas outras materias do área de Fisioterapia pertencentes aos dous primeiros cursos do grao); e outras consideracións ao caso.
Por outra parte, implicará unha defensa en pequeno grupo, conformado por todos aqueles que traballaron sobre o mesmo caso clínico. Uns días antes desa defensa en grupo, cada alumno deberá subir en tempo e forma á plataforma de teledocencia o seu protocolo para que poida ser analizado polos demais compoñentes do grupo, ademais do profesor responsable. Cada un entregará un comentario sobre a análise feita de cada uno dos traballos ao profesor o día da defensa en grupo.
O tempo de defensa en grupo, e de forma presencial, empregarase para sintetizar entre todos, alumnos e profesor, os puntos fortes dos protocolos, así como os febles e/ou erros vistos na análise previa, e onde cada quen poderá dar as explicacións oportunas sobre as súas seleccións ao desenvolver o protocolo presentado. Para rematar, cada un sinalará os tres protocolos que lle pareceron os máis axeitados.
Ademais, aqueles alumnos que así o queiran, e a elaborar en pequeno grupo (non mais de 6 persoas), poderán elixir facer un traballo de aplicación práctica en vez do protocolo clínico. Este traballo consistirá en facer un pequeno estudio piloto do emprego nunha situación clínica práctica cunha das modalidades de correntes ou ultrasóns que compoñen o temario da materia, así como unha presentación pública de dito traballo. Na primeira titoría que se teña en relación aos traballos, explicarase polo miúdo esta modalidade de traballo, para a súa consideración por parte de quen estea interesado.
Na segunda quincena do mes de febreiro estableceranse os prazos de entrega e exposición do traballo. Ademais, a partir desta data ninguén máis poderá anotarse á realización do traballo de ampliación.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000