Guia docente 2009_10
E.U. de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Pilates aplicado en fisioterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia dedicarase a transmitir os obxectivos desta, detallar os contidos sobre os que se traballará e como se fará. Aclararanse os criterios de avaliación a seguir.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada dos exercicios que compoñen o método Pilates. Así mesmo, veranse casos prácticos onde, e tamén de forma razoada, se fará unha proposta de exercicios a patoloxías ou situacións específicas. O profesor explicará e demostrará como se realizan os distintos exercicios, polo que as prácticas de laboratorio serán prácticas guiadas, onde se busque a integración, non só dos coñecementos teóricos da materia, senón tamén dos coñecementos anatómicos, biomecánicos, de localización anatómica e de patoloxía que xa posúan. Todos os exercicios presentaranse nunhas fichas de prácticas, onde parte da información xa a vai subministrar o profesor da materia, tendo o alumnado que completala segundo se vaian realizando. As devanditas fichas poderanse encontrar na plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: nome en español e en inglés do exercicio, consideracións específicas para realizalo en canto a material, como realizalo na súa forma básica, principios de Pilates que se traballan fundamentalmente nel, obxectivos, apoios táctiles, verbais e de imaxes que se poden empregar, variantes, indicacións, precaucións e contraindicacións máis relevantes e outras observacións.

O conxunto das devanditas fichas de prácticas pode axudarlle ao alumnado a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os exercicios que compoñerán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Traballos tutelados Os traballos implicarán un papel completamente activo por parte do alumnado, serán elaborados en grupo (de non máis de 4 persoas) e incidirán no uso de Pilates, ben nunha patoloxía predominante na nosa sociedade, ben nunha poboación cunhas condicións físicas determinadas (por exemplo, en bailaríns, en deportistas de alto nivel, en persoas maiores, en persoas con osteoporose, en casos de lumbalxias,…). A mediados de marzo, os grupos estarán conformados e, a finais do propio mes de marzo, cada grupo saberá o tema do seu traballo e o día da súa exposición. O traballo constará, basicamente, de dous apartados: un desenvolvemento teórico das características do grupo de persoas sobre as que se vai a actuar e, por outra, unha sesión tipo para este grupo. O profesor exercerá un papel de orientador e apoio no proceso de elaboración do traballo en cada grupo. Este traballo é obrigatorio presentalo publicamente dentro do grupo de laboratorio ao que pertenzan os compoñentes do grupo de traballo.
Presentacións/exposicións A presentación fai referencia ao traballo tutelado. Previamente ao día da presentación, que se fará no grupo de laboratorio que lle corresponda, entregaráselle ao profesor da materia o traballo en soporte informático (incluirá tanto o traballo, coma o resumo, os vídeos feitos...). Ademais, o día da presentación entregarase tamén un esquema-resumo (de non máis de dúas follas) das principais ideas do traballo e dos exercicios propostos ao resto dos compañeiros. A presentación dos traballos constará de dúas partes diferenciadas. A primeira, a exposición deste a cargo dos seus autores de forma fundamentalmente práctica. Para isto, dispoñerán dun máximo de 25 minutos. A segunda, contestar a todas aquelas preguntas que os compañeiros e/ou profesor lles fagan aos autores. Á hora de realizar a presentación, o alumnado poderá consultar na plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou na páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes) unha serie de consellos para facela, así como unhas normas para a súa elaboración.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudo de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente ordenador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como a pizarra e os xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes) as presentacións en powerpoint que se empregará nas clases, así como outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información. A teoría impartirase na aula correspondente ao 3º curso da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000