Guia docente 2010_11
Facultade de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Pilates aplicado en fisioterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia dedicarase a transmitir os obxectivos desta, detallar os contidos sobre os que se traballará e como se fará. Aclararanse os criterios de avaliación a seguir.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada dos exercicios que compoñen o método Pilates. O profesor explicará e demostrará cómo se realizan os distintos exercicios, polo que serán prácticas guiadas onde se busque a integración, non só dos coñecementos teóricos da materia, senón tamén dos coñecementos anatómicos, biomecánicos, de localización anatómica e de patoloxía que xa posúan. Tódolos exercicios presentaranse nunhas fichas de prácticas, onde parte da información xa a vai a subministrar o profesor da materia, tendo o alumnado que completala segundo se vaian realizando. Ditas fichas poderanse atopar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: nome en español e en inglés do exercicio; cómo realizalo na súa forma estándar; consideracións específicas para realizalo en canto a material; principios de Pilates que se traballan fundamentalmente nel; obxectivos do exercicio; apoios táctiles, verbais e de imaxes que se poden empregar para facilitalo; variantes (tanto para indicar cómo facilitar a súa realización ou qué exercicios previos empregar, como para dificultar a súa realización ou qué exercicios serían unha evolución do mesmo); indicacións; precaucións e contraindicacións máis relevantes; e outras observacións. O conxunto de ditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumnado a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os exercicios que comporán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Traballos tutelados Os traballos implicarán un papel completamente activo por parte do alumnado e serán elaborados en grupo (de non máis de 4 persoas). Os traballo terá unha triple posibilidade:
- Ben unha entrega cada semana dunha ampliación dos apuntamentos da semana anterior, xunto cunhas preguntas tipo test en relación a ditos apuntamentos.
- Ben facer un traballo sobre o uso do método Pilates nunha patoloxía prevalente na nosa sociedade (por exemplo, en persoas con osteoporose; en caso de lumbalxias;…).
- Ou ben facer un traballo sobre o uso do método Pilates nunha poboación cunhas condicións físicas determinadas (por exemplo, en bailaríns; en deportistas de Alto Nivel; en persoas maiores;…).
A finais do mes de marzo, os grupos estarán conformados e cada grupo saberá o tema do seu traballo. Aqueles que fagan un traballo sobre o emprego do método Pilates nunha patoloxía ou nun grupo poboacional determinado, a mediados do mes de marzo lle será indicado o día da súa exposición, pois será obrigatorio presentalo publicamente dentro do grupo de laboratorio ao que pertenzan os compoñentes do grupo de traballo. O traballo nestes dous casos constará, basicamente, de dous apartados: por unha parte, un desenvolvemento teórico das características do grupo de persoas ou a patoloxía sobre as que se vai a actuar e, por outra, unha sesión tipo para este grupo diana xustificando o porqué dos exercicios que a compoñen.
O profesor exercerá un papel de orientador e apoio no proceso de elaboración do traballo en cada grupo.
Presentacións/exposicións A presentación fai referencia ao traballo feito sobre unha patoloxía ou un grupo poboacional determinado. Previamente ao día da presentación, que se fará no grupo de laboratorio que lle corresponda, entregarase ao profesor da materia o traballo en soporte informático (incluirá tanto o traballo, como o resume, os vídeos feitos,...). Ademais, o día da presentación entregarase tamén un esquema-resumo (de non máis de dúas follas) das principais ideas do traballo e dos exercicios propostos ao resto dos compañeiros. A presentación dos traballos constará de dúas partes diferenciadas. A primeira, exposición do mesmo a cargo dos seus autores. Para isto, disporán dun máximo de 20 minutos. A segunda, contestar a todas aquelas preguntas que os compañeiros e/ou profesor lles fagan aos autores. Á hora de realizar a presentación, o alumnado poderá consultar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou na páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes) unha serie de consellos para facela, así como unhas normas para a súa elaboración.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudo de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente ordenador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como a pizarra e os xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensino virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes) as presentacións en powerpoint que se empregará nas clases, así como outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información. A teoría impartirase na aula correspondente ao 3º curso da Escola de Fisioterapia de Pontevedra.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000