Guia docente 2015_16
Facultade de Fisioterapia
Grao en Fisioterapia
 Materias
  Pilates aplicado en fisioterapia
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias A primeira hora do curso académico nesta materia dedicarase a transmitir os obxectivos desta, detallar os contidos sobre os que se traballará e como se fará. Aclararanse os criterios de avaliación a seguir.
Sesión maxistral Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudio de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente computador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e as xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregarán nas clases, así coma outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información. A teoría impartirase na aula correspondente ao 3º curso da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Prácticas de laboratorio Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada dos exercicios que compoñen o método Pilates. O profesor explicará e demostrará cómo se realizan os distintos exercicios, polo que serán prácticas guiadas onde se busque a integración, non só dos coñecementos teóricos da materia, senón tamén dos coñecementos anatómicos, biomecánicos, de localización anatómica e de patoloxía que xa posúan. Tódolos exercicios presentaranse nunhas fichas de prácticas, onde parte da información xa a vai a subministrar o profesor da materia, tendo o alumnado que completala segundo se vaian realizando. Ditas fichas poderanse atopar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: nome en español e en inglés do exercicio; cómo realizalo na súa forma estándar; consideracións específicas para realizalo en canto a material; principios de Pilates que se traballan fundamentalmente nel; obxectivos do exercicio; apoios táctiles, verbais e de imaxes que se poden empregar para facilitalo; variantes (tanto para indicar cómo facilitar a súa realización ou qué exercicios previos empregar, como para dificultar a súa realización ou qué exercicios serían unha evolución do mesmo); indicacións; precaucións e contraindicacións máis relevantes; e outras observacións. O conxunto de ditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumnado a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os exercicios que comporán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra.
Traballos tutelados Os traballos implicarán un papel completamente activo por parte do alumnado e serán elaborados en grupo (conformaranse 9 grupos de traballo). Os traballos consistirán en elaborar e impartir unha clase de Pilates enfocada, ben a unha patoloxía prevalente na nosa sociedade (por exemplo, en persoas con osteoporose; en caso de lumbalxias;…), ben a unha poboación cunhas condicións físicas determinadas (por exemplo, en bailaríns; en deportistas de Alto Nivel; en persoas maiores; en nenos; en embarazadas;…). Ademais, os grupos deberán entregar un informe da clase proposta no cal se expoñan os obxectivos principais da sesión para aquela patoloxía ou poboación especial, así como a descrición dos exercicios que integran a clase e un vídeo coa representación dos exercicios que integren a clase.
Na primeira quincena do mes de febreiro os grupos estarán conformados e cada grupo saberá o seu tema de traballo. A mediados do mes de marzo indicarase o día da súa exposición. O profesor exercerá un papel de orientador e apoio no proceso de elaboración do traballo en cada grupo.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000