Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

comunicado

Información xeral

19-12-2016 ata: 19-03-2017

A Universidade de Vigo condena todo tipo de violencia machista e especialmente o asasinato de Ana María Enjamio Carrillo, alumna da nosa universidade.

Insta a todas as autoridades competentes a tomar, de xeito urxente e improrrogable, as decisións políticas necesarias para erradicar, dunha vez por todas, os asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas e avoga polo compromiso da cidadanía para romper colectivamente as estruturas patriarcais que permiten que este tipo de asasinatos machistas sigan sucedendo. A razón desta violencia non está en problemas particulares de homes violentos, senón en relacións sociais de desigualdade que é preciso combater dende todas as instancias públicas e privadas.

A de Ana é unha vida máis truncada por querer ser unha muller libre nas súas decisións e por querer que esas decisións fosen respectadas. No seu camiño de liberdade foi brutalmente asasinada.

Somos conscientes de non poder mitigar a dor da familia de Ana María pero queremos mostrarlle o noso apoio e respecto nestes duros momentos.

Cada vez que unha muller morre asasinada por violencia machista empeoramos como sociedade, pois debilítanse os valores democráticos e de xustiza universal aos que todas e cada unha das persoas  temos dereito.